Sunday 05 de May de 2024

A Xunta elimina sen previo aviso a tarxeta moedeiro destinada a familias vulnerables dous días antes


A Xunta de Galicia procedeu a eliminar dous días antes do previsto a Tarxeta Social Básica mediante a que se prestaba servizo de cobertura das necesidades básicas de alimentación e farmacia a familias en situación de vulnerabilidade económica. Sen previo aviso e de maneira unilateral a Xunta adoptou esta decisión sen informar os concellos, que son as entidades que tramitan estas tarxetas, nin as persoas receptoras da axuda.

Xusto a fin de mes, numerosas persoas de toda Galicia van verse sen posibilidade de cubrir necesidades básicas de alimentación e medicamentos. Un novo recorte de recursos para as persoas máis vulnerables.

Ante a inaccesibilidade da administración autonómica e estatal, os concellos están a facer un esforzo que vai máis alá das súas obrigas para dar resposta ás necesidades da cidadanía. Esta decisión adoptada pola Xunta é unha nova falta de respecto e de diálogo coas administracións locais.